29 de junho de 2010

A proposta

Evasión ou Vitoria é o nome que lle demos a un proxecto que quere servir de canle de comunicación entre colectivos que, coma vós, estades a enriquecer o panorama cultural galego con propostas diversas. A idea é experimentar cunha estrutura que nos sirva a todos para cruzar coñecementos sobre problemáticas que afectan aos nosos diferentes campos de acción.

Tentamos afastarnos dos formatos habituais de encontro (foros, festivais, feiras, …) e estamos a armar unha especie de ‘taboleiro de xogo’ que nos force a manter un contacto estable e ao mesmo tempo flexible entre as forzas da ‘cultura de base’ en Galicia.

Evasión ou Vitoria son unha serie de ‘eventos culturais’ con periodicidade mensual pero cuxa programación se asumirá de maneira rotativa polos diferentes grupos implicados. Cada colectivo decidirá o lugar, a forma e os contidos do seu evento segundo unhas determinadas ‘regras’ ou ‘coordenadas’, e contando sempre coa presenza, como público participante, do resto dos equipos.


Evasión ou vitoria conta co apoio, ata novembro, da Vicerreitoría de Cultura da USC.

Se vos interesa coñecer máis sobre esta proposta poñédevos en contacto con nós en evasionouvitoria@gmail.com

Nenhum comentário:

Postar um comentário